Club Voleibol Tenerife
O Club Voleibol Tenerife é un equipo de voleibol feminino da cidade de Santa Cruz de Tenerife, Illas Canarias (España). Actualmente compite baixo o nome de Fígaro Peluqueros Tenerife, aínda que no pasado competiu na localidade veciña de San Cristóbal de la Laguna. É o club máis laureado do estado español incluíndo as categorías masculina e feminina.
Historia
[editar | editar a fonte]O club foi fundado en agosto de 1981 polo seu presidente Quico Cabrera co apoio de Alpine, e dende aquela competiu cos nomes de Afelsa, Seur, Los Compadres, Airtel, Spar, TuBillete.com e Construcciones Marichal. Dende a súa fundación, o club tardou tres anos en ascender á División de Honra, aínda que descendeu nesa mesma tempada (1985-86), recuperando a máxima categoría ao ano seguinte. Dende este último ascenso e ata a actualidade mantívose na máxima categoría. Logo de dezasete anos consecutivos disputando competicións europeas, na tempada 2003-04 conseguiu o máximo título continental, a Indesit Champions League, converténdose no primeiro e único equipo español en conseguir este título. No referente ás competicións españolas, o Tenerife foi o gran dominador do voleibol español na última década, na que conseguiu seis dobretes (Liga e Copa) consecutivos. A mellor tempada do club foi a 2003-04, tempada na que conseguiu catro títulos: Liga, Copa, Supercopa e Champions League.
Participou en cinco ocasións na Final Four da Indesit Champions League, organizando a fase final nas edicións do 2004 e 2005, disputándose no Pavillón Insular Santiago Martín de San Cristóbal de la Laguna, Tenerife. Así, no 2004, no seu propio pavillón, puido proclamarse campión da máxima competición europea de clubs; en 1999 quedara cuarto, e no 2001 e 2005 conseguiu a terceira posición. A última participación nunha final europea do equipo tinerfeño produciuse no 2007, en Zürich, onde finalizou no terceiro lugar tras vencer na final de consolación ao equipo local, o Voléro Zürich. Foi esta tempada 2006-07 a peor da última década, xa que o equipo tan só logrou engadir ao terceiro posto europeo o subcampionato de Liga fronte ao recentemente creado Grupo 2002 Murcia.
Dende o seu regreso definitivo á División de Honra en 1987, o Club Voleibol Tenerife conseguiu dez títulos de Liga: 1992, 1997, 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2004, 2005 e 2006. Tamén se proclamou once veces campión de Copa: 1991, 1997, 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004, 2005 e 2006. E finalmente conseguiu seis Supercopas en 1992, 2002, 2003, 2004, 2005 e 2008.
Palmarés
[editar | editar a fonte]- 10 Superligas: 1992, 1997, 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2004, 2005 e 2006.
- 11 Copas da Raíña: 1991, 1997, 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004, 2005 e 2006.
- 6 Supercopas de España: 1992, 2002, 2003, 2004, 2005 e 2008.
- 1 Indesit Champions League: 2004